É ben sabido que unha das fascinacións de Bécquer eran os amores imposibles, motivo polo que foi vítima de profundos desenganos amorosos. Estas experiencias marcaron de xeito inevitable a súa personalidade e isto plasmouse, tamén, na temática que desenvolveu nas súas obras, sobre todo nas de carácter poético.
Unha das súas fallidas conquistas parece ser que está relacionada con terras galegas. Trátase de Julia Espín Pérez Colbrand, nacida en 1838, que rematou casando cun político oriúndo da comarca de Sarria. Esta muller traballou como cantante de ópera en Italia, Francia e Rusia, ata que perdeu a súa flamante voz. O seu primeiro encontro transcorreu en Madrid, cando Bécquer camiñaba pola rúa e a viu asomada ao seu balcón (daquela, a mediados do séc. XIX, o poeta hispalense aínda non gozaba de recoñecemento social). De feito, na rima XVI, describe unha escena similar a este encontro inicial. Máis tarde, volveríanse a atopar no salón dos Espín, no que os seus pais (un director do Teatro Real e a sobriña dunha cantante famosa) organizaban, con frecuencia, tertulias artísticas. Nunha destas reunións obsequiou a Julia con dous álbums de poemas nos que incorporou varios debuxos dos que ela foi protagonista.
En 1837, Julia casou con Beningno Quiroga López Ballestero, un deputado que chegaría a ministro e, incluso, ocuparía altos cargos no goberno das Filipinas. Durante a súa etapa como deputado, este home artellou varias redes viarias na bisbarra de Sarria e ampliaría o campo de feira desta localidade. O matrimonio viviría no Hospital do Incio, unha das súas mansións, e tería tres fillos José, Luís e Joaquín.
Finalmente, Julia falecería en 1906, dous anos antes que o seu marido. A biografía desta artista atópase editada na novela Julia, rayo de luna, unha excelente lectura que nos pode clarificar as causas que propiciaron esta misteriosa admiración por parte de Bécquer e os trazos que converten a esta rapaza na dama perfecta das súas tramas, onde o amor inalcanzable constitúe o eixo temático capaz de articular toda a súa obra.