Etiquetas

viernes, 23 de marzo de 2012

Os estudantes na rúa

Tralas xornadas de protesta que tiveron lugar hai unha semana en Valencia, parece que esta situación de descontento social se vai xeneralizando por toda España. Os últimos en apuntarse foron os estudantes barceloneses, que amosaron a súa solidariedade coa causa valenciana. Resulta completamente inaceptable que os recortes se centren en servizos tradicionalmente públicos, como a educación e a sanidade.

Por outro lado, entre as consecuencias laterais destas protestas, salientan os danos no mobiliario urbano e a queima dalgúns contedores de lixo. Non obstante, un dos efectos máis desoladores e vergoñentos destas marchas,que ultimamente se ven con moita frecuencia nos informativos, é a brutalidade coa que as autoridades, cegadas polo seu poder, arremeten contra os manifestantes. Parece ser que os axentes teñen unha nova función coa chegada da crise: a de controlar e reprimir as masas. Non dubidan á hora de facer uso das súas porras para atacar aos cidadáns, incluso a aqueles que pasan pola rúa e non teñen nada que ver coas protestas estudiantís (eu mesmo vin nunha retransmisión como unha muller camiñaba tranquilamente pola beirarrúa e lle proferían un bo golpe na espalda). Ademais cóidanse de ofrecer unha boa imaxe ante a sociedade, detendo  varios estudantes e afirmando, nos medios de comunicación, que os que protestan son os que senten menos predilección polos estudos (acaso non saben que os estudantes de hoxe son os traballadores de mañá?). Ata que punto están dispostos a chegar? Mesmo parece que volvésemos aos derradeiros anos do franquismo...

Agardo que estas situacións de agresión por parte das forzas armadas non continúen (xa que nada indica  que as protestas se vaian acabar) e que a liberdade de expresión, e por conseguinte a de manifestación, sigan a ser un dos dereitos fundamentais da cidadanía do século XXI. É preciso que as masas den a súa opinión e esta , á súa vez, se teña en conta á hora de tomar decisións de grande importancia.

lunes, 5 de marzo de 2012

Unha mirada ás nosas orixes


O pasado ano chegou á comunidade científica unha nova transcendental que cambiaría a concepción que tiña daquela a bioloxía acerca da orixe da nosa especie, o Homo sapiens.
Ata mediados do ano 2011, críase que o home actual proviña, exclusivamente, da evolución do Homo sapiens africano. Pero esta idea acaba de ser desbotada. Segundo un artigo publicado o 2 de maio do 2011 na revista Science, o Homo sapiens moderno contén un pequeno porcentaxe do seu xenoma que se corresponde co doutro homínido, hoxe extinto, (o coñecido como Homo neanderthalensis); os autores deste informe aclaran que a transferencia de ditos xenes só puido ser directa, polo que houbo hibridación entrambas especies (é dicir, cruzáronse). Para demostrar esta tese foi necesario analizar, tan só, o 60% do xenoma neanderthal. Estes estudos realizáronse a partir do material xenético de tres ósos atopados no xacemento de Vindija, en Croacia (de entre 38.000 e 44.000 anos de antigüidade).
O Homo neanderthalensis, tamén denominado Homo sapiens neanderthalensis, ocupou case a totalidade do continente europeo dende hai, aproximadamente, 200.000 anos; estendéndose, tamén, por Oriente Medio (ata Irán) e por unha estreita franxa no Norte de África. De complexión bastante forte, contaba cunhas tibias máis curtas cás do home actual (as súas extremidades non eran moi longas). Por outra banda, podía alcanzar unha altura duns 165 cm. e posuía unha gran musculatura dende idades xa infantís (tamén no caso das mulleres). Os seus trazos faciais eran moi brutos: nariz prominente, arcos superciliares avultados, queixo retraído… Respecto ao seu cerebro era maior que o noso, pero parte del tiña que compensar a súa robusta musculatura (por iso, estímase que a súa intelixencia era practicamente equiparable á nosa). Tamén tiñan máis desenvolto o sentido da vista, para enxergar mellor as presas nos característicos bosques de penumbra da época. En relación ás súas costumes, vivían en grupos reducidos e as mulleres participaban, xunto cos homes, a caza (non había distribución de tarefas entre xéneros e estas podían ser bastante fortes).
Regresando ao asunto inicial, os datos dos que dispón a comunidade de paleontólogos especifican que entre o 1% e o 4% dos xenes do home moderno, a excepción dos subsaharianos (xa que os seus antepasados non se cruzaron co neanderthal a causa de non desprazárense de África), provén deste homínido. Suponse que dito cruzamento se rexistrou en Oriente Medio, dende onde saíron híbridos que se propagaron por toda Asia, América e Europa. Isto podería explicar porque o home europeo, por exemplo, non é tan alto e esvelto coma o subsahariano e presenta cores de pelo diferentes do negro (marrón, louro, rubio), característica usual no home de Neanderthal.
Podemos dicir, pois, que esta especie non desapareceu, xa que a ela pertence unha porcentaxe pequena dos nosos devanceiros. O home de Neanderthal non se extinguiu, segue vivo en todos nós.

viernes, 2 de marzo de 2012

Conflictos sobre herdanzas en Galicia

A crise económica que estamos a vivir comporta moitas consecuencias, xeralmente de carácter negativo. Un dos seus efectos menos coñecidos, que comeza a tomar presenza en Galicia, é a busca de herdanzas. Nos últimos anos, a arca autonómica ingresou, por esta causa, sumas importantes de diñeiro ao tramitar aquelas herdades en situación de abintestato (sen testamento rexistrado). Por iso, son moitos os cidadáns que se interesan por averiguar a situación na que se atopa o patrimonio pertencente aos familiares emigrados, intentando poñerse en contacto con eles ou, de non teren estes descendentes, tratando de adquirir os dereitos sobre as súas posesións. De feito, no pasado ano contabilizáronse un total de 197 consultas sobre este tema na administración galega.

Nestas situacións, nas que unha persoa falece sen herdeiros, o Dereito Civil resolve outorgando a propiedade dos seus bens ao Goberno da Comunidade Autónoma correspondente ou ao Estado, deixando un 10% destes a libre disposición dos denunciantes.
Por outra banda, tamén os descendentes de antigos emigrantes comezan a investigar a súa árbore xenealóxica para reclamaren as propiedades que lles corresponden por lexítima herdanza, evitando así que se lles sexan negadas polas autoridades estatais. Isto abre a porta para que algún día regresen aos países de orixe dos seus pais e avós, neste caso España, para defenderen o que legalmente é seu. Non obstante, moitos destes capitais xa se atopan baixo a potestade dos seus curmáns galegos e recuperalos conlevaría considerables gastos económicos.

Como conclusión hai que dicir que algúns dos documentos que acreditan estas herdanzas foron destruídos, ben pola guerra, ben polo abandono de moitas vivendas do rural.

Polémica na vía xudicial

O pasado 29 de xaneiro, baixo o slogan "Contra los juicios de la vergüenza", organizouse en Madrid unha manifestación a favor do xuíz Baltasar Garzón, hoxe invalidado no seu labor xurídico. Unha multitude de persoas, entre os que había varios políticos e representantes sindicais (Ignacio Fernández Toxo -membro de CC.OO.-, Cándido Méndez -da UXT- e Cayo Lara -presidente de Esquerda Unida-), así como algúns actores, músicos e poetas, defenderon a inocencia de Garzón e a lexitimidade da súa actuación. A marcha dirixiuse dende a praza de Las Salesas ata a de Canalejas, concluíndo coa lectura dalgúns versos pertencentes a autores da preguerra española e a outros poetas que, vítimas da represión, foron condenados ao presidio.



Deste modo, finaliza unha das manifestacións máis concorridas nos últimos anos, que, a pesar do grande apoio social que recibiu, parece que foi obviada polas autoridades xudiciais. Polo visto, o franquismo e a corrupción son temas que aos políticos non lles interesan.

O vídeo que aquí se enlaza, pertence a outra manifestación acaecida o 9 de febreiro deste ano.