Tralas xornadas de protesta que tiveron lugar hai unha semana en Valencia, parece que esta situación de descontento social se vai xeneralizando por toda España. Os últimos en apuntarse foron os estudantes barceloneses, que amosaron a súa solidariedade coa causa valenciana. Resulta completamente inaceptable que os recortes se centren en servizos tradicionalmente públicos, como a educación e a sanidade.
Por outro lado, entre as consecuencias laterais destas protestas, salientan os danos no mobiliario urbano e a queima dalgúns contedores de lixo. Non obstante, un dos efectos máis desoladores e vergoñentos destas marchas,que ultimamente se ven con moita frecuencia nos informativos, é a brutalidade coa que as autoridades, cegadas polo seu poder, arremeten contra os manifestantes. Parece ser que os axentes teñen unha nova función coa chegada da crise: a de controlar e reprimir as masas. Non dubidan á hora de facer uso das súas porras para atacar aos cidadáns, incluso a aqueles que pasan pola rúa e non teñen nada que ver coas protestas estudiantís (eu mesmo vin nunha retransmisión como unha muller camiñaba tranquilamente pola beirarrúa e lle proferían un bo golpe na espalda). Ademais cóidanse de ofrecer unha boa imaxe ante a sociedade, detendo varios estudantes e afirmando, nos medios de comunicación, que os que protestan son os que senten menos predilección polos estudos (acaso non saben que os estudantes de hoxe son os traballadores de mañá?). Ata que punto están dispostos a chegar? Mesmo parece que volvésemos aos derradeiros anos do franquismo...
Agardo que estas situacións de agresión por parte das forzas armadas non continúen (xa que nada indica que as protestas se vaian acabar) e que a liberdade de expresión, e por conseguinte a de manifestación, sigan a ser un dos dereitos fundamentais da cidadanía do século XXI. É preciso que as masas den a súa opinión e esta , á súa vez, se teña en conta á hora de tomar decisións de grande importancia.
No hay comentarios:
Publicar un comentario