Etiquetas

lunes, 5 de marzo de 2012

Unha mirada ás nosas orixes


O pasado ano chegou á comunidade científica unha nova transcendental que cambiaría a concepción que tiña daquela a bioloxía acerca da orixe da nosa especie, o Homo sapiens.
Ata mediados do ano 2011, críase que o home actual proviña, exclusivamente, da evolución do Homo sapiens africano. Pero esta idea acaba de ser desbotada. Segundo un artigo publicado o 2 de maio do 2011 na revista Science, o Homo sapiens moderno contén un pequeno porcentaxe do seu xenoma que se corresponde co doutro homínido, hoxe extinto, (o coñecido como Homo neanderthalensis); os autores deste informe aclaran que a transferencia de ditos xenes só puido ser directa, polo que houbo hibridación entrambas especies (é dicir, cruzáronse). Para demostrar esta tese foi necesario analizar, tan só, o 60% do xenoma neanderthal. Estes estudos realizáronse a partir do material xenético de tres ósos atopados no xacemento de Vindija, en Croacia (de entre 38.000 e 44.000 anos de antigüidade).
O Homo neanderthalensis, tamén denominado Homo sapiens neanderthalensis, ocupou case a totalidade do continente europeo dende hai, aproximadamente, 200.000 anos; estendéndose, tamén, por Oriente Medio (ata Irán) e por unha estreita franxa no Norte de África. De complexión bastante forte, contaba cunhas tibias máis curtas cás do home actual (as súas extremidades non eran moi longas). Por outra banda, podía alcanzar unha altura duns 165 cm. e posuía unha gran musculatura dende idades xa infantís (tamén no caso das mulleres). Os seus trazos faciais eran moi brutos: nariz prominente, arcos superciliares avultados, queixo retraído… Respecto ao seu cerebro era maior que o noso, pero parte del tiña que compensar a súa robusta musculatura (por iso, estímase que a súa intelixencia era practicamente equiparable á nosa). Tamén tiñan máis desenvolto o sentido da vista, para enxergar mellor as presas nos característicos bosques de penumbra da época. En relación ás súas costumes, vivían en grupos reducidos e as mulleres participaban, xunto cos homes, a caza (non había distribución de tarefas entre xéneros e estas podían ser bastante fortes).
Regresando ao asunto inicial, os datos dos que dispón a comunidade de paleontólogos especifican que entre o 1% e o 4% dos xenes do home moderno, a excepción dos subsaharianos (xa que os seus antepasados non se cruzaron co neanderthal a causa de non desprazárense de África), provén deste homínido. Suponse que dito cruzamento se rexistrou en Oriente Medio, dende onde saíron híbridos que se propagaron por toda Asia, América e Europa. Isto podería explicar porque o home europeo, por exemplo, non é tan alto e esvelto coma o subsahariano e presenta cores de pelo diferentes do negro (marrón, louro, rubio), característica usual no home de Neanderthal.
Podemos dicir, pois, que esta especie non desapareceu, xa que a ela pertence unha porcentaxe pequena dos nosos devanceiros. O home de Neanderthal non se extinguiu, segue vivo en todos nós.

No hay comentarios:

Publicar un comentario